Novembro de 2011-Maio de 2012
Exposición comisariada por Natalia Fernández Segarra
A exposición Bestiario proponse mostrar o mundo vivo e brillante dos animais na obra de Granell, así como nas diversas coleccións da Fundación Granell.
Empezando polo profundo interese que Granell mostrou ao longo da súa vida pola fauna aves, cabalos, touros, seres en proceso de metamorfose real e imaxinaria; animais reais, como as bolboretas e os sapos e animais inventados, como os Pájaro-flor, o Caballo de príncipe ou a Égloga piscatoria, e continuando polo interese que mostraron tamén por este tema moitos dos seus compañeiros de viaxe.
A mostra expón, en todas as salas do Pazo de Bendaña, este rico mundo da fauna de Granell, así como obras de Barjola (touros), Max Ernst (aves), Walter Svanberg (peixe), Mirage de Ludwig Zeller e Susana Wald, cabalos de Cruzeiro Seixas, Rafael Zubaleta, Laxeiro, seres fantásticos de Juan Barreto, Reimundo Patiño, un Minotauro de Picasso e seres acuáticos de Alex Weiss, Antonio Fernández Molina e Enrique Santiago.
A Sala Amparo Segarra achega as colaxes da compañeira de Granell nas que os animais xogan un papel moi importante monos, abellas, camelos, galos e galiñas e na Sala Philip West atoparemos obras deste artista que foi un gran coñecedor do mundo da ornitoloxía, pero que tamén creou un mundo fantástico de criaturas en metamorfose.
Obxectos dos fondos étnicos da colección de Granell, abundante en cabalos e aves, así como animais diversos de África, Guatemala, Porto Rico, Portugal, España tamén atopan o seu lugar en Bestiario.
A exposición complétase con material da Biblioteca de Granell que inclúe libros e artigos gardados polo artista sobre diversos animais, especialmente da fauna española, pero tamén daqueles seres que están en proceso de extinción; despois de todo, Granell era tamén un ecoloxista!
Non nos cabe a menor dúbida de que esta exposición, ademais de mostrar a variedade e a complexidade dos fondos artísticos da Fundación, da súa Biblioteca e dos seus arquivos, tamén abrirá novas portas ao mundo creativo e imaxinativo de Eugenio Granell.
A exposición complementarase con actividades interactivas para nenos e para o público en xeral. Contaremos tamén coa presenza de persoas interesadas no mundo animal que impartirán charlas ao público.