Home » Exposicións » Santiago de Compostela na Fundación Granell

Santiago de Compostela na Fundación Granell

14 xaneiro – 6 marzo
Santiago de Compostela é a cidade na que viviu a súa infancia e adolescencia Eugenio Granell e a que acolle a súa Fundación

Ao longo da súa vida Eugenio Granell sempre levou a Santiago no corazón, como queda patente na súa poética autobiografía Memorias de Compostela, visión orlada por estrellas, islas árboles y antorchas -editada por Natalia Fernández, Directora da Fundación Granell no ano 2006-. Nesta obra literaria, Granell reconstrúe a través dunha visión poética cargada de tenrura e ironía a un tempo as súas vivencias da cidade. O recordo da cidade e o do mito da súa creación arredor da figura do Apóstolo Santiago, non deixou de interesar a Granell. Durante o seu exilio en América, o mito de Santiago Matamoros sae ao seu encontro reinterpretado desde diferentes culturas autóctonas. Cando ten a oportunidade o artista adquire representacións de arte popular relixioso do Apóstolo, as que pasan a engrosar a súa colección de arte étnico.
Con esta base, a Fundación Granell presenta a exposición Santiago de Compostela na Fundación Granell, cidade na que viviu a súa infancia e adolescencia Eugenio Granell e a que acolle a súa Fundación. A mostra está conformada na súa maioría por novos fondos da Fundación Granell, uns do legado de Amparo Segarra, esposa de Eugenio Granell e outros, recentes doazóns de artistas surrealistas á institución.
A exposición preséntanos a figura de Santiago Apóstolo e á Cidade de Santiago de Compostela de xeitos moi diferentes, tanto a través da selección feita sobre a colección de arte étnico da institución como a través das obras de artistas surrealistas de diferente orixe que teñen á cidade, e ao a Apóstolo, como protagonistas das súas obras.
Seguindo a estela do artista, Natalia Fernández ten programado exposicións nas que a temática do Apóstolo Santiago, ou a súa cidade son tema principal ou se introducen de modo transversal nas mostras. Exemplo disto son as exposicións Arte popular religioso, o Vudú o camiño negro de Santiago, -do fotógrafo Luis López Gabú- realizadas durante o ano 2006, ou a exposición Santiago na Fundación Granell, realizada no ano 2007. Na exposición sobre Eugenio Granell, comisariada pola crítica de arte Mercedes Rozas, Imágenes de la memoria, a cidade ten unha especial presenza.