Home » Exposicións » Asimilación e Traslados. Arte Española no Exilio Dominicano (1939-1960). Colección Museo Bellapart

Asimilación e Traslados. Arte Española no Exilio Dominicano (1939-1960). Colección Museo Bellapart

16 Setembro – 15 Decembro

Asimilación e traslados. Arte española no exilio dominicano (1939-1960). Colección Museo Bellapart
Coa presentación no Museo da Fundación Granell da exposición Asimilación e traslados. Arte española no exilio dominicano (1939-1960). Colección Museo Bellapart, iníciase un proxecto de colaboración entre ambas as dúas institucións que comparten dende as súas fundacións un marcado interese por divulgar a produción artística dos exiliados españois en América, tanto dentro coma fóra dos seus espazos xeográficos.
Esta mostra formula a importancia que tivo a diáspora española no exilio dominicano dos anos corenta do século XX no desenvolvemento e consolidación da arte moderna dominicana. Parte da valiosa colección de obras do Museo Bellapart, xunto a importantes pezas dos fondos da Fundación Granell, conforman esta exposición única que peregrina pola Península Ibérica e é acollida na significativa cidade de Santiago de Compostela ata decembro de 2010. O seu contido aborda os diversos achegamentos estéticos dos artistas españois á realidade social, xeográfica e ideolóxica do contexto dominicano e a súa achega valiosa nesta nova terra que os acolleu. Tamén revela as transformacións xurdidas nas diferentes etapas dos artistas e a evolución dos seus universos creativos, o que permite unha visión panorámica dunha produción artística que deixou unha profunda pegada na arte dominicana de mediados do século XX.
Asimilación e traslados. Arte española no exilio dominicano (1939-1960) é o testemuño dun dos momentos estelares na traxectoria da arte moderna dominicana. É unha mirada ao período en que a arte dominicana se entroncou coas linguaxes e os conceptos da tradición académica española e as vangardas artísticas europeas de comezos do século XX. O percorrido desta exposición pola produción artística dos mestres españois propicia novas lecturas e renovadas reflexións arredor da riqueza e da diversidade de estilos, ideas, intencións estéticas, formas de pensamento e visións do mundo traídas polos exiliados á República Dominicana. Así mesmo, mostra o xeito como estes presupostos se transformaron en ambas as dúas direccións, o que facilitou un proceso de hibridación verificable tanto nas propostas artísticas dos españois coma na produción artística das primeiras xeracións da Escola Nacional de Belas Artes.
A exposición Asimilación e traslados. Arte española no exilio dominicano (1939-1960) é unha achega de gran valor no rescate da memoria histórica española en América, xa que propicia o coñecemento e a difusión da produción visual dos exiliados na súa experiencia dominicana, selada pola pegada renovadora e creativa nas artes visuais dominicanas.
Dra. Paula Gómez Jorge
Curadora
Directora Museo Bellapart