Desde a Fundación Eugenio Granell é un pracer poñernos en contacto con vostede para presentarlle as exposicións que podemos ofrecer en itinerancia.
I. COLECCIÖN EUGENIO GRANELL
1. LECTURAS TRANSVERSAIS NA OBRA DE EUGENIO GRANELL
A exposición achéganos a obra plástica de Eugenio Granell através das linguaxes que utiliza ao longo da súa extensa traxectoria -pintura, colaxe, debuxo, ready-made, fotografía, cinema experimental…- ; das ideas estéticas que conforman a columna vertebral da súa obra e das achegas formais á estética do surrealismo.
Os núcleos conceptuais que ficarán significados na montaxe son os seguintes: a reinterpretación complexa que Granell fai da poética bretoniana, a excepcional transcendencia que o artista confire á figura da muller e a raíz profundamente humanista da súa obra.
A mostra reflectirá tamén as achegas formais que singularizan a obra de Granell. Destaca, o desenvolvemento dun esquema espacial que anula o sistema de representación perspectiva, para converter toda superficie nun plano pictórico bidimensional.
Constará dun apartado específico para o debuxo, modo de expresión que percorre toda a vida do artista.
2. EUGENIO GRANELL. ECLOSIÓN MÁXICA, 1956-1967
Exposición que incide nunha etapa especialmente importante na traxectoria do artista: una etapa norteamericana, de grande liberdade creativa, que chanta as bases estéticas e conceptuais do seu traballo posterior e que comeza a abandonar en 1967. Viviu nos EEUU até 1985.
A exposición está formada por unha selección de óleos, debuxos, construcións, e unha peza de cine experimental. O grupo de óleos coñecidos como Paisajes Mágicos cobra especial relevancia.
3. ENCONTRO ENTRE O MUNDO ANTIGO E O UNIVERSO DO SOÑO
Através de obras íntimas de pequeno formato como as construcións pezas creadas mediante a ensamblaxe de madeira con outros materiais, sempre policromadas- e da práctica habitual do debuxo automático, Granell vai fraguando o particular desenvolvemento da dimensión espazo-temporal na súa produción: estábel, espiritual e sen concesións narrativas.
A mostra está conformada por unha selección de construcións e obra sobre papel. Na escolma sobrancea a construción Bodegón de Zurbarán de 1970, obra que resume á perfección a súa concepción do espazo-tempo.
II. COLECCIÓN SURREALISTA DA FUNDACIÓN GRANELL
1. MAPA SURREALISTA DO MUNDO: SURREALISMO INTERNACIONAL NA FUNDACIÓN GRANELL
Ampla selección de obras de Surrealismo Internacional da colección privada de Eugenio Granell, que demostra a persistencia no tempo do movemento surrealista ao longo dos séculos XX e XXI e a súa expansión territorial.
A colección é froito, entre outras razóns, das súas amizades con outros surrealistas e do interese por outras figuras próximas ao movemento.
Na mostra, podemos enxergar a militancia incorruptíbel en autores como Max Ernst, Eugenio Granell, Artur Cruzeiro Seixas, entre outros, e a conexión co surrealismo de autores senlleiros como Picasso, Joan Miró, Marcel Duchamp ou Toyen.
Mostramos unha selección de arte surrealista internacional, na que están representados tanto artistas europeos como americanos, cun apartado dedicado a artistas españois. Atopamos obras tanto de artistas da primeira xeración surrealista, como das xeracións seguintes.
2. SURREALISMO COMO FENÓMENO COLECTIVO
A exposición presentará un percorrido pola extensa colección de arte e documentación surrealista da Fundación, na que está representada, en obras e autores, toda a xenealoxía do movemento até a actualidade.
Na mostra, através de pezas de Surrealismo histórico e actual, amais de documentación variada como revistas, fanzines, fotografías… darase testemuño da forte identidade de grupo que tiveron e aínda teñen os artistas surrealistas. A maiores incidirase na transcendencia do Surrealismo como vangarda que crea un novo concepto de autoría colectiva.
3. O OBXECTO POÉTICO: METÁFORA DO PENSAMENTO SURREALISTA
A exposición está conformada por unha selección de pezas de surrealismo histórico e actual que manifestan toda a complexidade da poética do obxecto surrealista: desde o poema-obxecto, o obxecto encontrado, o libro-obxecto, o obxecto-editábel, etc.
Malia que o obxecto surrealista non é o formato de obra de arte mais representado na colección surrealista de Eugenio Granell, a colección contén pezas de enorme relevancia como os Rotorelieves de Marcel Duchamp.
III. COLECCIÓN DE ARTE ÉTNICA DA FUNDACIÓN GRANELL
1. A VIAXE INCIÁTICA DE EUGENIO GRANELL: PANORÁMICA SOBRE A SÚA COLECCIÓN DE ARTE ÉTNICA
A exposición que lles propomos consta dunha ampla selección de obras de arte étnica dos continentes americano e africano. A maioría das pezas son testemuña dos avatares de Eugenio Granell ao longo de todo o continente americano, no que vai adquirindo pezas de Centroamérica, Caribe, Haití, México, Brasil…, que pasan a engrosar a súa colección.
Eugenio Granell, como case todos os artistas da vangarda histórica europea, tenta alimentarse, en maior ou menor medida, da arte doutras culturas diferentes da cultura occidental. A súa curiosidade e respecto pola sabedoría ancestral destes pobos, e das súas manifestacións artísticas, acompañaranlle toda a súa vida, chegando a crear a magnífica colección de arte étnico, que lles ofrecemos. Na colección destacan un interesante grupo de obras africanas do século XIX, e mesmo una estupenda colección de bonecas Kachina dos indios Hopi, orixinarios do suroeste dos EEUU. As kachinas teñen especial interese dentro do movemento surrealista, na medida en que foron obxecto de fascinación e coleccionismo de figuras como André Breton, Max Ernst, Roberto Mata…
2. DANZA DA TERRA
O conxunto de pezas que conforman a exposición están relacionadas con rituais de danza. A selección de arte africano está formada por obxectos relixiosos- como máscaras, esculturas…- pertencentes a diversas culturas como as Dogón, Bambara…. As pezas son utilizadas en diferentes rituais: ritos de iniciación da infancia á idade adulta, en danzas rituais agrarias.
As Kachinas son espíritos que acompañan ao pobo Hopi: estas adoitan representarse como bonecas, utilizadas para transmitir aos nenos ensinanzas espirituais, ou por medio de rituais de danza nas que persoas do pobo se visten como kachinas para relatar a cosmogonía dos Hopi.
3. A MÁSCARA NA COLECCIÓN ÉTNICA DE EUGENIO GRANELL
En todo o mundo o uso de máscaras adoita implicar unha invocación aos espíritos, unha actitude de mediación entre o espiritual e o real, común a distintas épocas e diversas civilizacións. Ademais adoitan utilizarse en ritos nos que o corpo e a mente se adentran nunha sorte de catarse poboada de imaxes próxima as vivencias do subconsciente durante os soños, polo que estes obxectos son de grande interese para os surrealistas.
A presenza das máscaras na colección de arte étnica da Fundación Granell, conformada por obxectos de arte popular de diversa índole- arte popular relixioso, obxectos de festividades pagás, brinquedos….- e orixinarios dos continentes americano, africano e europeo, móstrase como especialmente significativa.
4. VIVIR A ARTE POPULAR. FONTE DE INSPIRACIÓN PARA EUGENIO GRANELL
A proposta expositiva que lles presentamos percorrerá de forma panorámica a colección de arte popular de Eugenio Granell e será completada por unha selección de pezas do artista, que son testemuño directo desta arrequecedora influencia. O poema visual El Moro Muza, realizado en 1952, é un exemplo senlleiro.
O interese de Eugenio Granell vai alén do valor dado aos procesos de creación da arte popular. O artista non só aproveita a súa andaina persoal por diferentes partes do mundo para ir conformando unha colección de obxectos de arte popular, senón que se empapa do seu mundo formal, e espiritual, que fica reflectido de forma patente na súa obra.
IV. COLECCIÓN PHILIP WEST
Após a anunciada morte do surrealismo coa desaparición de André Bretón, recollen o testemuño do movemento unha variada amalgama de grupos surrealistas en todo o mundo. Ten especial interese a labor desenvolvida nas Illas Británicas, sendo un especial expoñente do movemento surrealista o artista británico Philip West.
O artista desenvolve a súa actividade, fundamentalmente, entre os años 70 e mediados dos 90.
A proposta que lles ofrecemos é unha viaxe ao surrealismo deste período através da xenial ollada do artista británico. A exposición estará composta por unha selección de óleos e obra sobre papel. Será completada mediante un apartado documental conformado por publicacións realizadas polos grupos surrealistas dos años 70, 80 e 90 nas que participa Philip West.