
7 de maio – 7 de xullo
Co título de Retrovisions, a Fundación Eugenio Granell, presenta a primeira exposición individual do artista francés Guy Ducornet en España.
Guy Ducornet, histórico integrante do Grupo surrealista de Chicago, – grupo creado en 1966 tralo pasamento de André Bretón-, ademais de artista plástico, é creador literario, e activo defensor da ética e da estética surrealista, entendidas ámbalas dúas dende un punto de vista político.
Ducornet, a través da súa obra, preséntanos un mundo onde teremos que mergullarnos en cuestións de identidade e memoria, dende unha perspectiva sempre crítica e reivindicativa, resgos comúns a toda a súa particular creación.
A mostra que o artista presenta na Fundación Granell está conformada por unha escolla de obra plástica recente, ademais dunha selección retrospectiva da súa produción: pinturas, gravados, ensamblaxes, esculturas, cerámicas e obxectos de funcionamento simbólico.
O artista, redescubre para nós a pegada que nel deixaron as paisaxes das súas lecturas e vivencias, construíndo unha obra que a modo de mapa do tesouro proponnos un novo itinerario a seguir. A súa produción plástica, unha especie de arqueoloxía poética do cotián, constrúese cos recordos das súas viaxes: reais -coma retrincos de fotografías, carteis de concertos, carteis de cine… – e coas lembranzas das súas viaxes mentais a través da literatura, da historia da arte fragmentos de reproducións de obras de arte do pasado, alusións a obras literarias…- e das súas viaxes, en mente e corpo, coma intérprete de free-jazz , o cal imprime á súa obra un gusto polas variacións sobre o mesmo motivo plástico.
Ducornet tráenos a boa nova de que é posible descubrir un universo máxico, detrás de cada experiencia. Na súa obra, cargada de sentido do humor, a omnipresente colaxe, xera un discurso fragmentario, aberto, libre, e activo, que invita a ser reinterpretado unha e outra vez polo espectador.