Home » Exposicións » Ciclo: Xóvenes poéticas surrealistas

Ciclo: Xóvenes poéticas surrealistas

Anasor Ed Searom
Cometas mitolóxicas

A mostra é a primeira exposición individual da xoven artista brasileira Anasor Ed Searom en España, e está composta por óleos sobre lenzo e debuxos. As pezas presentadas, abordan dende unha perspectiva actual da poética surrealista, a recreación de obras da arte occidental que constitúen auténticas iconas da nosa cultura. As pezas presentadas están agrupadas en 3 series de óleos sobre lenzo -tituladas:  Mitológicas, Serie Renbrant e Serie Caravaggio– e unha serie de debuxos eróticos,- de título Esbocetos– onde, en palabras da artista, se funden a “pornografía”, o sagrado e a éxtase… idea que estrutura toda a mostra.
Na peculiar apropiación que se realiza a partir das reproducións das obras escollidas, procedemento que a artista nomea como pintura colaxe amosásenos como procedemento que infire unha nova estrutura sintáctica á peza, xerando novos contidos e unha nova estrutura compositiva, o cal confire unha forma diferenciada ás imaxes das que se parte para realiza-la acción poética.
En base ós procedementos mencionados, a artista consigue crear unha percepción totalmente onírica de obras clásicas sedimentadas no noso imaxinario colectivo cunha lectura unívoca, pechada… Son obras que tipificamos como modelos académicos que foron, e son aínda, instrumentos válidos para o ensino das Belas Artes, e hitos para a  Historia da Arte occidental.
O carácter transgresor das pezas, non se consigue seguindo a estela do  dadaísmo, é dicir, mediante a introdución de elementos que ataquen con claridade os valores que transmite -de forma case inmutable- a obra, senón mediante o delicado estrañamento da mesma. Para o que a artista utiliza elementos visuais que potencien algunha das lecturas posibles da obra, o cal  ataca directamente á súa identidade visual de modo moito máis sutil: o espectador sábese ante unha imaxe familiar, pero non a identifica de xeito inmediato.
A artista consegue un primeiro aceno de empatía có público, mediante un engano visual. Ten que facernos crer que o que vemos é Rembrant ou Bernini, para o que selecciona fragmentos de obras que teñan  entidade por si mesmos, coa fin de que se identifiquen coma motivos característicos do artista escollido. Ademais de exercer unha aproximación ás técnicas tradicionais de representación utilizadas na creación da obra orixinal. Por exemplo crea unha especie de conceptual trompe l´oeil, ao transferir imaxes dixitais a soporte lenzo, e facernos crer que estamos diante dunha obra de pintura antiga, ó retoca-la imaxe transferida, con pintura ó óleo.
Noutras ocasións subverte as leis da perspectiva forzando ó máximo as propias fórmulas de representación utilizadas na obra da que se parte. Así, interpreta a fórmula barroca da personaxe que se encara có espectador e invítao a ser co partícipe da escena. Pero agora, a idea de escena pérdese e ese personaxe é a propia artista: unha viaxeira que xa pasou ao outro lado do cadro, que penetrou nas súas tripas e que nos invita a comparti-la súa viaxe.
A obra de Anasor é a historia dunha viaxe a través da paisaxe da nosa cultura, da nosa forma herdada de ve-lo mundo, o noso xeito de desexar, de ver e vivi-la beleza a través das iconas da súa arte…, que nos brinda unha mirada sobre o mundo máis libre, máis divertida e máis poética, en definitiva, máis surrealista.  
A artista, consegue poboar coas súas visións aquelas obras do pasado xa consumidas polo seu carácter suntuario, desvelando nelas, contidos escurecidos por anos de historia. Consegue penetralas, sentilas, e transmitírno-la súa vivencia. Por mor da suma de tódolos sutís procedementos aplicados a imaxes -miles de veces reproducidas, e polo tanto deslexicalizadas-, nesta sorte de exercicio de disección, análise e fusión poética das pezas, estas recuperan a súa alma perdida.
 Reconvertidas  para nós en terreo aboado para a fantasía, as obras de Anasor Ed Searom comínannos a iniciar unha viaxe cara ó universo recóndito e estrañado do mito que durme nas nosas conciencias, onde as imaxes non constitúen portas infranqueables, senón camiños abertos a outros mundos.
Monse Cea, 2009.
Biografía Anasor ed Searom
1976
Vive e traballa en São Paulo, Brasil.
Posúe obras en coleccións públicas e privadas en diversos países: Brasil, E.U.A.,
Francia, Canadá, España, Portugal, Arxentina, Grecia, Italia, Suíza e Tailandia.
2009
Exposición colectiva en Algarve (Portugal), “Iluminações Descontínuas – surrealismo actual”.
2008 / 2009
Exposición colectiva na Fundación Eugenio Granell (Espanha), “O surrealismo como
fenómeno colectivo”.
2008
Exposición individual na Casa das Rosas, São Paulo (Brasil), “Rembrandt Série”.
– Ilustra a capa da revista de poesía “Labios Menores”, do grupo surrealista Chileno Derrame.
Exposición colectiva en Coimbra (Portugal), “O Reverso do Olhar: exposição de surrealismo atual”.
Edición de Poemas-Cadáveres exquisitos, realizados xunto con Romulo Pizzi.
2007
Exposición de acuarelas na Galería Cité des Arts, (Francia).
Exposición colectiva na Fundación Eugenio Granell,  “Sonámbula por una Xeografía Onírica”.
Ilustra a revista arxentina Lilith, n.9, (Arxentina).
2006
Toma parte no proxecto do grupo Sonámbula Surrealismo latino americano.
Participa como ilustradora da Revista Derrame, n.7, do grupo surrealista Chileno Derrame.
Ilustra o Jornal de poesía e arte, O Casulo – especial sobre poesía latino americana, São Paulo, (Brasil).
Exposición de traballos na galería Impulse Art, (Italia).
Participación no Foro Australiano sobre surrealismo e arte visionaria.
Colabora co surrealista VBZ.
2005
Especial sobre súa pintura na revista electrónica Magadzine, (Brasil).
Ilustra a revista electrónica Decir del Agua, especial sobre poesía brasileira (E.U.A.)
2004
Ilustra a revista electrónica Zunái, (Brasil).
Exposición individual en São Paulo (Brasil), “As faces de Lilith”.