Home » Exposicións » Jorge Camacho. Doñana. O refuxio dos mitos

Jorge Camacho. Doñana. O refuxio dos mitos

16 xaneiro – 28 abril
Mostra individual dun autor clave do movemento surrealista na actualidade, o recoñecido artista cubano Jorge Camacho.

O proxecto expositivo está comisariado por Juan Bautista Cáceres Rodríguez, Rocío del Pilar Galindo Faraco e Manuel Jesús Galindo Faraco, equipo de traballo da Pinacoteca de Almonte, Huelva, institución de onde procede a maioría da obra que compón esta exposición.
A mostra Jorga Camacho. O refuxio dos mitos fai un percorrido poético por un territorio que conquistou profundamente ao artista, marcando o desenvolvemento da súa última iconografía plástica. A súa obra, en contacto con Doñana tórnase máis íntima e persoal, máis luminosa e colorista, constituíndo un auténtico xiro na súa traxectoria como artista plástico.
Ademais de espazos naturais con tanta forza como Doñana, lugar no que Camacho fixa a súa residencia en 1974, moitos outros elementos motivaron as arelas creadoras do artista, como o fundamental contacto co surrealismo -a finais dos anos cincuenta-, da man do propio André Bretón, a iniciación no universo da alquimia, e a profunda admiración e coñecemento das culturas pre -colombinas de México, así como outros feitos máis persoais como a ruptura co réxime castrista.
É especialmente salientable o gran coñecemento que o artista adquire da cultura maia mexicana, dende que no ano 1953 visita a península de Yucatán. As culturas ancestrais representan para o artista unha fonte fundamental de inspiración, por seren civilizacións plenamente integradas nos seus espazos naturais: lugares onde o ser humano desenvolve unha honesta loita pola supervivencia,e a través do mito son quen de explicar a súa propia existencia e a forma na que crea un vínculo coa natureza. Para Camacho, Doñana, é un deses últimos refuxios onde o ser humano pode construír unha auténtica paisaxe humana que nos nutra con novos mitos, dos que estamos tan necesitados no noso mundo actual.
A mostra está composta fundamentalmente por unha selección de óleos de grande e mediano formato, obra sobre papel- en diferentes técnicas- e fotografía. A obra exposta data dun período que vai dende os primeiros anos oitenta ata a actualidade, na que a percepción poética da contorna de Doñana cobra especial protagonismo. Xunto coa obra inspirada por Doñana preséntase unha selección de obra, na que pesa de forma significativa o profundo coñecemento que o artista posúe das antigas civilizacións mexicanas.
Destaca tamén un bloque de obra gráfica dedicado ó poeta cubano, co que o unía unha grande amizade, Reinaldo Arenas.

JORGE CAMACHO
. Nace en 1934 na Habana, Cuba. Entre 1950-1952 a través de amigos como Carlos M. Luis coñece as obras de autores como Breton, Péret o Lautréamont, e a pintura de Miró, De Chirico… deixando os seus estudios de Dereito para dedicarse por completo á pintura. Cubano universal, ornitólogo, con varios traballos publicados e internacionalmente recoñecidos. Interesado pola alquimia, poeta e tradutor de algúns dos grandes nomes da tradición moderna como Mallarmé, Verlaine…fotógrafo e evidentemente, artista plástico. . Anticastrista dende a súa ruptura co réxime no 1967, data esta de cando coñeceu ó escritor Reinaldo Arenas.
A presenza activa e colaboradora da súa muller, Margarita, a quen coñece cando viaxa a París entre 1959 e 1962, ó tempo que coñecía a André Breton e comezaba a súa andaina como integrante do movemento surrealista. En París forma parte da mostra organizada polo Museè National d’Art Moderne, Centre Georges Pompidou, en homenaxe a André Breton.  O pintor cubano foi pronto coñecido e admirado polos surrealistas portugueses, especialmente por Artur Manuel do Cruceiro Seixas.
Jorge Camacho atopou o seu primeiro círculo máxico no Yucatán en 1953, é o primeiro linguaxe plástico que o marcará para toda a vida; os símbolos prehispánicos, a representación mitolóxica dunha civilización antiga… París supuxo un alimento extraordinario para Camacho, os seus amigos e contactos daquela época terán unha notable influencia no seu futuro. Bretón ábrelle as portas do Surrealismo convencido do talento do xoven creador.
A obra de Camacho vai por un territorio novo ó chegar a Doñana, volvéndose moito máis persoal. Almonte soubo acoller a Jorge e a Margarita Camacho en 1974.