20 febreiro – 7 xullo, 09
Escolla de arte popular latinoamericano procedente de Méjico, Venezuela, Puerto Rico e Guatemala.
En todo o mundo o uso de máscaras adoita implicar unha invocación ós espíritos, unha actitude de mediación entre o espiritual e o real, común a distintas épocas e diversas civilizacións, mesmo xa na alborada da civilización Occidental, na traxedia grega. Ademais é común que as máscaras sexan utilizadas durante ritos nos que o corpo e a mente entran nunha sorte de catarse poboada de imaxes próxima á vivencia do inconsciente nos soños, polo que estes obxectos son de grande interese para os surrealistas.
A escolla de pezas da colección étnica da Fundación Granell aquí amosada, está conformada na súa maioría, por máscaras utilizadas en ritos populares de diversos países latinoamericanos, xunto con unha pequena selección das chamadas árbores da vida, pezas de artesanía tipicamente mexicanas.
A presenza das máscaras na colección de arte étnica de Eugenio Granell, conformada por obxectos de arte popular de diversa índole- arte popular relixiosa,obxectos utilizados en festividades paganas, xoguetes……- orixinarios dos continentes americano, africano e europeo, móstrasenos como especialmente significativa. Coma artista plástico e intelectual debedor das primeiras vangardas históricas, Eugenio Granell, sente un engado especial pola máscara. Granell, de feito, comezou pintando máscaras planas de indios nos anos corenta, abraiado polas máscaras reais que vai atopando e adquirindo no seu exilio ó longo do continente americano. Estes e outros obxectos, dos que Granell se vai fornecendo, irán formando parte substancial na creación do seu universo doméstico e íntimo, constituíndo, a miúdo, frutífera fonte de estudo e inspiración para o desenvolvemento da obra plástica do artista.
Mesmo ás veces, algúns obxectos de arte étnica, son interpretadas plasticamente mediante a poética do obxecto atopado, e fan parte real de obras de Granell. Exemplo senlleiro é a serie fotográfica Moro muza andrógino, realizada no ano 1952, e elaborada a partir dunha escolla de máscaras guatemaltecas da moureria, pezas que forman parte destacada da escolla de máscaras presentadas nesta mostra. A colección de arte étnica de Eugenio Granell, fuxindo da sistematización académica coa que se crean as coleccións convencionais de antropoloxía, foise facendo á medida do engado exercido pola cultura popular dos lugares nos que vive ou visita.
A colección, responde o interese dun intelectual e artista surrealista por rescatar e e alimentarse do xesto profundo e directo da arte popular, da pureza de espírito do primitivo ancestral que aniña en tódalas culturas ó longo do mundo.
Ademais do encontro e a convivencia con obxectos de arte popular, no mapa surrealista do mundo de Eugenio Granell, a arte do continente africano ten un espazo preeminente, así como a arte do primitivo que todos albergamos dentro, a arte dos e para os nenos : os xoguetes.