Home » Exposicións » Espazo INSITU

Espazo INSITU

A Justine.
Mónica Cabo

Neste espazo, destinado a acoller proxectos de intervención específica de novos creadores e creadoras, no recibidor do Pazo de Bendaña, contamos dende o día 22 de xaneiro e ata o día 22 de abril, co proxecto A Justine, da artista asturiana Mónica Cabo. Como noutras ocasións, a artista utiliza a cultura material derivada dos procesos lúdicos, para crear desacougantes xoguetes; neles son postos de manifesto, por medio dunha mínima intervención da artista, os seus valores ocultos como instrumentos eficaces para construir a  nosa identidade persoal. Neste caso, o obxecto do que se parte para xerar a  obra é unha piñata, construción artesanal utilizada tradicionalmente como representación do pecado na relixión católica. Popularmente as piñatas personifican a figura do diaño, que segundo a tradición, válese de cousas superfluas e charramangueiras para atraer cara el ó home e facelo caer na tentación. O recheo da piñata é representación da graza divina, e a acción de bourarlle, é símbolo da vontade e determinación que ten que ter o individuo para vencelo pecado.
Para a artista, este obxecto aparentemente inocuo, moi celebrado nas festas dos pequenos, serve ó seu interese de xerar unha analoxía poética entre este e outro elemento, desta volta humano, creado tamén para seren violentado: a famosa Justine, personaxe creado polo Marques de Sade, no seu relato A Justine o los infortunios de la virtud. En palabras da artista A Justine…é unha desculpa para presentar un corpo, un obxecto temporal, creado como parte da evolución dunha acción e destruído ó final da mesma. Creado para seren golpeado ata esnaquizarse, coa única fin de que todos recibámolos beneficios que nos brinda o animal, polo gozo e ledicia da festa.