Home » Exposicións » O surrealismo como fenómeno colectivo

O surrealismo como fenómeno colectivo

Fondos da Fundación Eugenio Granell
26 novembro, 08 – 11 xaneiro, 09

O surrealismo como fenómeno colectivo é unha mostra, realizada con obras da colección de Arte Surrealista Internacional da Fundación Granell, que pretende incidir na importancia do Surrealismo como vangarda que crea un novo concepto de autoría colectiva, e que conserva na actualidade, un marco relacional similar para ós artistas adscritos ó movemento, á estrutura clásica dos grupos de artistas da vangarda histórica.
A Fundación Granell, dende o pasado ano 2005, ten acollido varias exposicións dedicadas a grupos surrealistas que operan en diferentes países do mundo na actualidade, coma o chileno Derrame, o canadense Costa Oeste, a plataforma de expresión surrealista internacional Sonámbula, ou o Grupo Surrealista de Leeds, nas illas británicas. A exposición fará un percorrido pola extensa colección de arte e documentación Surrealista da Institución, na que está representada, en obras e autores, toda a xenealoxía do movemento ata a actualidade.
Na mostra, a través das pezas de autores e autoras de Surrealismo actual, e de documentación variada como revistas, fanzines, …. darase testemuña da forte identidade de grupo, que tiveron e teñen os artistas surrealistas.
A estrutura da mostra vaise debullando arredor dun montaxe estruturado en tres partes: unha primeira sala, onde se presentan unha escolla de obra de autoría conxunta. Nesta sala sobresaen dúas pezas en formato libro- obxecto, realizadas por un colectivo de mais de sesenta artistas españois. Tamén podemos ver unha pequena escolla das pezas de autoría colectiva máis coñecidas do surrealismo: as resultante do xogo Cadáver exquisito.
Noutra sala faise unha achega á complexidade, e a actualidade do único movemento da vangarda histórica do século vinte que sigue vixente : o surrealismo, a través dunha escolla das súas publicacións realizadas por colectivos : as revistas surrealistas. A revista surrealista é unha ferramenta fundamental para os creadores/as plásticos e literarios, tanto como foro válido no que debater ideas éticas e estéticas, como pola súa función de escaparate e sistema de difusión das súas pezas, e ás veces, tamén como único medio de edición para as súas creacións. A devandita escolla bibliográfica, fará un percorrido pola cronoloxía no surrealismo dende o seu comezo nos anos vinte,- están presentes as míticas revistas Revolución Surrealista ou Minotauro-, ata a actualidade. O publico asistente terá a posibilidade de follear comodamente as publicación máis actuais, aínda en curso, a máis de coñecer a editorial independente española Menú, vinculada de xeito moi especial ó surrealismo. Menú, foi creada no ano 1986 por Juan Carlos Valera, que exerce de Editor e Director da mesma. A peculiaridade da editorial, e a edición de poesía tanto en formato literario como mediante o poema- obxecto, a versión plástica da expresión poética clásica feita só mediante a palabra. A máis de caracterizarse por constituír un espazo de constante acollida das creacións de nomes do Surrealismo como Cruceiro Seixas, Mario Cesarini, Eugenio Granell….. ou de figuras asociadas á estética do movemento como Joan Brossa ou Fernado Arrabal.
Na derradeira sala, disponse un conxunto de obras de surrealismo actual realizadas en diferentes formatos e medios de expresión como o vídeo, a música, o debuxo, a ensamblaxe, o obxecto atopado, a fotografía, a cerámica , o poema- obxecto……por artistas pertencentes a grupos surrealistas de diferentes lugares do mundo. Na escolla atopamos tamén outras obras de artistas, que sen militar en ningún grupo surrealista, senten a súa obra debedora desta estética, como o galego Xesús Carballido, que sitúa a súa obra na tradición de praxes habituaís da plástica surrealista como a colaxe ou a ensamblaxe – tivo unha mostra individual na Fundación Granell no ano 1997-, ou xóven artista francesa María Chenut, que se sinte a súa obra especialmente vinculada á estética idea estética que define a poética do obxecto no surrealismo : o objet-trouveé.
A exposición está comisariada por Monse Cea, Adxunta a Dirección da Fundación Granell.