Fondos da Fundación Eugenio Granell
10 outubro, 08 decembro, 09
A exposición Místicos encontros e achados plásticos na obra de Eugenio Granell está composta por 44 obras, entre óleos de grande e pequeno formato, gouaches, debuxos en diversas técnicas, ready mades e construcións, todas pertencentes ós fondos da colección da Fundación Granell.
A mostra transita polas obras que reproducen encontros significativos con persoeiros, culturas, poéticas, sistemas de pensamento, paisaxes e obxectos, que serviron de detonante para os principais achados estéticos que caracterizan a obra de Eugenio Granell. Na poética de André Bretón, ten un peso substancial a idea estética definida como místico encontro, para a que establece unha xerarquía na cal o encontro con outros seres acada a maior relevancia. Para Granell, terse atopado na súa vida con André Bretón, significou a súa adhesión formal ó movemento surrealista; igualmente frutífera ten sido a amizade que uniu a Eugenio Granell e a Marcel Duchamp, e o seu profundo coñecemento da obra de Pablo Picasso, tres figuras fundamentais da plástica do século XX, que deixaron profundas pegadas na estética granelliana
O seu encontro coa muller, un ser reiterado baixo diversas iconografías ó longo de toda a súa traxectoria, fai que a súa obra se atope poboada, como na poética bretoniana, tanto de persoeiros históricos ou mitolóxicos do universo feminino, como de figuras asociadas ó acto mesmo do encontro, na súa acepción de seres facilitadores do mesmo, e polo tanto, do achado da idea mental que logo se converterá en obra de arte. Na obra de Eugenio Granell, adquire tamén especial protagonismo o encontro coa súa esposa Amparo Segarra, á que lle dedica un grupo de obras.
O encontro coa riquísima cultura autóctona e a magnífica natureza do continente americano, crea una auténtica catarse creativa na obra de Eugenio Granell que se verá reflectida nunha grande parte da súa obra.
Por último, a idea de encontro adoita asomar na plástica do artista en múltiples ocasións a modo de estrutura sintáctica das pezas bidimensionais. Pinturas, colaxes e debuxos, son habitualmente habitados por persoeiros, seres ou obxectos representados nun tempo detido, de ritual, e no momento preciso no que a reunión dos mesmos, ten como consecuencia un feito trascendente.
A exposición é unha mostra monográfica de Eugenio Granell, comisariada por Natalia Fernández, Directora da Fundación Granell, en colaboración con Monse Cea, Adxunta de Dirección da institución.