
Exposición: VALLE-INCLÁN: RETRATOS CARICATURAS E VISIÓNS do artista SIRO
8 de outubro / 8 de novembro
Prolóngase ata o 16 de novembro
Por segundo ano consecutivo, a Fundación Eugenio Granell realiza un programa de actividades dedicado a Valle-Inclán, organizado, como na anterior edición do ciclo, en colaboración co museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Ademais, na presente edición, a Fundación Eugenio Granell contará coa colaboración da Cátedra Valle-Inclán de Santiago de Compostela, e da Facultade de Filosofía da USC.
O programa de actividades consistirá nunha exposición monográfica dedicada ó escritor, un ciclo de cinema no que se poderá ver unha selección da súa obra levada ó medio cinematográfico, e nun ciclo de charlas que tratarán diferentes aspectos da vida e a obra de Valle-Inclán.
A exposición: “Valle-Inclán: retratos caricaturas e visións”.é unha mostra monográfica de caricaturas de Valle-Inclán realizada polo artista galego Siro López.
Non podemos obviar, ó abordar a inxente figura de Valle-Inclán, o engado que a súa imaxe xerou e segue a xerar, no público en xeral, e nos debuxantes de humor gráfico en particular. A súa lánguida e finamente estudada imaxe, foi mil veces debuxada no formato de caricatura mesmo xa en vida do propio autor; a máxima, tan contemporánea, de unión de vida e obra de arte, pódese aplicar á figura de Valle-Inclán á perfección., sendo obra e estampa, detonantes, aínda hoxe, de novas creacións artísticas en diferentes eidos.
A exposición está composta por 38 pezas, entre retratos, caricaturas e visións, coas que ó artista plástico tenta achegarse á figura de Valle-Inclán. Siro, leva feito mais dun cento de retratos, caricaturas e visións de Don Ramón María del Valle-Inclán, ofrecéndose nesta mostra unha escolla variada deste inxente traballo que non remata, xa que o personaxe de Valle, como persoa e como creador, exerce un engado tal no autor, que nas súas palabras, fai que siga a procuralo en cada mancha, en cada liña.
A caricatura, xunto ó humor gráfico nace ó abeiro das arelas de liberdade dos artistas na idade moderna. Para o coñecido debuxante Siro López, os caricaturistas non copian a realidade senón que a deforman para acadar unha semellanza co modelo, superior á do retrato convencional. Na composición das caricaturas, nas que o humor non se queda no cómico nin no satírico, as pezas convértense nun chamamento ó intelecto e á emotividade do público.
SIRO Artista plástico, escritor e xornalista Siro López Lorenzo Naceu en Ferrol no 1943 Desde o ano 1970 ata o 2006 fixo debuxo de humor e caricatura política en distintas publicacións galegas; os últimos 30 anos no xornal La Voz de Galicia. Ten publicados dezaseis álbumes de temática variada, desde a caricatura e o humor á ilustración e o retrato. Ilustrou libros de Xabier Alcalá, Carlos Durán, Gayoso Veiga, Pepe Carballude, Fernández Formoso, Helena Villar, Cristina Amenedo, Mario Couceiro, Rábade Paredes, Neira Vilas, Vicente Araguas, Chao Rego, Manolo Rivas, Barreiro Rivas e Javier de Ronda entre outros.
Para o Proxecto Galicia de Hércules de Edicións fixo as ilustracións dos dous volumes dedicados á Antropoloxía.
Para Ediciones de la Torre ilustrou os cinco volumes da serie Mitología.
Obra pública:
Praza do humor de A Coruña (1990). Monumento ao mariñeiro de Moaña. (2002). Murais no Porto de Ribadeo (2004).
Exposicións:
Ferrol, A Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Betanzos, Pontedeume, Ribadeo, Madrid, Bilbao, Barcelona, Vila Real e Lisboa.
No ano 2006 mostrou a exposición titulada Desde Picasso na Galería Sargadelos de Barcelona e no Pazo Municipal de A Coruña.
No 2007 levou esta exposición ao Pazo da Deputación Provincial de Lugo, e no 2008 á Casa de Galicia en Madrid.
No 2007 presentou no Museo Valle Inclán de A Pobra do Caramiñal a exposición Valle Inclán: retratos, caricaturas e visións.
A súa obra pictórica está representada no Museo Municipal de Ferrol, no Museo Carlos Maside de Sada , no Museo do Humor de Fene, na Fundación Araguaney e no Centro Ramón Piñeiro de Santiago de Compostela, nas Casas Museo de Rosalía en Padrón e Otero Pedrayo en Ourense, nas coleccións de Caixa Galicia e Caixanova, na Universidade de Santiago, no Parlamento Galego, no Ministerio de Sanidade e no Congreso dos Deputados, en Madrid.
Folleto con información das actividades