Home » Exposicións » Philip West. Bestiario

Philip West. Bestiario

Fondos da Fundación Eugenio Granell
26 setembro, 08 – febreiro, 09

Nado en York en 1949, Philip West foi un auténtico producto do surrealismo británico, aínda que non naceu ata despois da dispersión do grupo orixinal creado por E. L.T. Mesens e Roland Penrose. Toda a súa obra foi creada despois do comezo dos anos 70. Ó comezo pertencera ó pequeno grupo formado polo escritor John Lyle arredor da súa revista TRANSFORMAcTION, logo colaborou coa revista danesa Brumes Blondes, e a través desta última empezou a súa colaboración co grupo Phases, principalmente en Francia, Holanda, Portugal e Bélxica. Pouco despois deixou o seu país natal para vir a España, logo Venezuela e ó regresar a España participou con grupos surrealistas, especialmente en Liaison con Eugenio F. Granell.
A causa do seu aprecio polo obxecto e por un tipo particular de bestiario, West inscribiuse na traxectoria de René Magritte e Toyen. As ecuacións delectables que iniciou indican a mellor –aínda que non a máis curta- maneira para que o espectador vaia do corazón aberto ó coitelo que ten como navalla unha cadea de montañas. Co título “Axis Mundi”, a súa exposición en Zaragoza de 1996, consistiu en polípticos divididos en partes iguais ou compartimentos desiguais onde se desenvolvían escenas diferentes, por exemplo, Halley’s comet (u outro) acende un rastro entre o mapa de París e un debuxo en area dos Zuñi. O ollo de West era rápido no momento de descubrir unha infinidade de galaxias de imaxes que coloca as analoxías máis perturbadoras a través da simple confrontación de dúas ou tres imaxes contradictorias, e, as veces, complementarias. Para el os xeroglíficos imposibles de ler eran moitas veces os máis fermosos. Ö perder a Philip, perdemos un intrépido explorador do absurdo.
Edouard Jaguer “Para Philip West”. Philip West. El legado de un artista. Catálogo da Fundación Eugenio Granell, 1998, Santiago de Compostela.