16 de xullo – 28 de setembro, 08
Exposición conxunta de dúas personalidades senlleiras do movemento surrealista, Susana Wald e Ludwig Zeller, que mostrará unha selección da súa xa longa andaina creativa como autores surrealistas.
A exposición reunirá obras de ámbolos dous artistas, e unha escolla de obra de autoría conxunta, unha pequena mostra do compromiso de colaboración intelectual mantido pola parella de artistas, ó longo de moitos anos, e aínda vixente.
Os artistas crean esta obra conxuntamente dende comezos dos anos setenta, mediante a fusión das colaxes de Zeller e os debuxos e a cor aportados por Susana Wald, baixo o título xenérico de Mirages.
Na mostra tamén se poderá ver un conxunto de obras propiedade da colección da Fundación Granell, onde destaca un pequeno grupo de pezas do ano 1974, realizadas co gallo do 50º aniversario do Manifesto Surrealista.
O chileno Ludwig Zeller, artista plástico, editor e poeta, destaca dentro do exercicio da plástica na realización da técnica da colaxe. As pezas seguen dúas correntes principais que nalgunhas ocasións combínanse, a colaxe clásica en branco e negro, e as creadas con materiais modernos, cortados, recombinados e reelaborados. Na modalidade de colaxe denominada clásica, por estar feita partindo dunha materia prima composta por gravados anteriores a 1880, impresos en liña, antes da invención do fotogravado, Edouard Jaguer, ideólogo do movemento internacional do surrealismo Fhases, declaraba que a contribución de Zeller ó mundo da colaxe é excepcional. Na Fundación Granell amósasenos pezas de varios formatos e técnicas diferentes: os devanditos colaxes en branco e negro, constitúen o maior número dentro da proposta expositiva, mais tamén hai algúns exemplares de colaxe feitos a partir de materiais contemporáneos impresos a cor. Ademais, na mostra exhibirase o poema visual do ano 1986 -realizado para a Bienal de Venecia celebrada ese mesmo ano- Corpo Alquímico. Na peza, sobre o corpo nu dunha muller nova, vanse proxectando as colaxes do creador, que son transformadas polo prisma do movemento paseniño da modelo.
A Fundación Granell, amósanos unha selección de obra recente da artista plástica Susana Wald, canadense nacida en Budapest, e que na actualidade reside e ten o seu atelier na localidade mexicana de Oaxaca xunto con Ludwig Zeller. Na escolla de obra recente realizada pola Fundación Granell, destaca nunha serie de obras onde aparece monumentalizada a forma primixenia do ovo. Trátase dunha extensa serie de pinturas realizadas entre o ano 1999 e o ano 2004. A obra agroma, segundo a artista, da aparición reiterada destas formas ovoides no estadio intermedio entre soño e vixilia, o que fai que estas vaian emerxendo – mediante a reelaboración do recordo de imaxes que xurden neste estado-, na súa obra ata constituír un universo propio, cargado de matices. Susana Wald, a máis de artista plástica de recoñecido prestixio, desenvolveu unha importante labor como editora, xunto con Ludwig Zeller dos selos Casa de la Luna y Oasis. Na editorial Oasis Publications publicáronse varias obras literarias de Eugenio Granell, e mesmo unha escolma poética de homenaxe ó artista galego titulada A invención do dado, do ano 1982, onde a parte poética corre a cargo de Ludwig Zeller e a ilustración será resolta por Susana Wald. A parella de artistas traba amizade con Eugenio Granell a mediados dos anos setenta, logo de estar integrados os tres no grupo de Surrealismo internacional Phases dende os anos setenta.
Susana Wald
Naceu en 1937, en Budapest, Hungría.
Canadense, reside en México en forma permanente dende 1994.
Traballou na súa obra visual en Arxentina, Chile e Canadá; actualmente traballa no seu taller en Santo Andrés Huayapan ás aforas da cidade de Oaxaca Andrés Huayapan, aos arredores da cidade de Oaxaca. Realizou exposicións individuais en Alemaña, Bélxica, Canadá, Chile, EUA, Francia, Islandia, México e Venezuela.
Colaborou en numerosas exposicións de grupo, entre as cales as máis notables son a XLII Bienal de Venecia, de 1986, e a exposición itinerante IBEROAMÉRICA PINTA organizada pola Unesco, que percorreu 18 países entre 1997 e 2000.
Obra en: Coleccións públicas de Canadá, España, Israel e México. Coleccións privadas en Alemaña, Arxentina, Bélxica, Canadá, Chile, España, EUA, Francia, Italia, Islandia, México, Venezuela.
Ludwig Zeller
Naceu en 1927 en Río Gaba, un poboado ao interior do deserto de Atacama.
Traballou durante 16 anos para o Ministerio de Educación de Chile.
Dende 1971 ata 1992 viviu en Toronto, Ontario, Canadá, e reside dende entón en Oaxaca, México.
Dirixiu varias revistas, fundou dúas editoriais e a súa obra inclúe medio centenar de libros de poesía, unha novela, algúns ensaios e cinco libros de colaxes.
Presentou máis de corenta exposicións individuais en diferentes países (Chile, Arxentina, Canadá, Estados Unidos, Francia, Alemaña, España, Italia, Islandia, Bélxica, Venezuela e México) e participou activamente no surrealismo. A maior parte da súa obra está traducida ao inglés, ao francés, ao alemán e a outros idiomas.
As súas publicacións máis importantes son: Muller en soño, 1975; Cando o animal de fondo sobe, a cabeza estala, 1976; In the Country of the Antipodes, 1979; Ludwig Zeller, a Celebration, 1987; Salvar a poesía, queimar as naves, 1988, ZELLER SOÑO LIBRE, 1991; Río Gaba, estación dos soños, 1994; As engrenaxes do encantamento, 1996. A estes pódese agregar O enmeigo de México, 2003, un libro que reúne 100 poemas sobre o tema.
Pódese localizar no seguinte enderezo electrónico: waldzeller@terra.com.mx