
Ciclo Xoves poéticas surrealistas
4 de xuño-28 de setembro, 08
O presente ano, como novidade, brindáselles ós creadores a oportunidade de ocupar as salas asignadas a ambos ciclos expositivos, xa que a súa obra en particular, constitúe por unha banda un achegamento ó surrealismo, e por outra, permite o desenvolvemento de proxectos específicos para o peculiar espazo do Museo Granell.
Delicias de lo grotesco, primeira exposición individual de Aldo Alcota en España, desenvólvese arredor de dous formatos expositivos diferentes: un convencional, formado por un bloque dunha trintena de obras realizadas con técnica mixta sobre papel, e un proxecto específico de intervención das salas con debuxo e colaxe. No espazo onde se leva a cabo o proxecto específico, despois de ter realizado o consabido estudo espacial que estes proxectos requiren, o debuxo vaise xerando espontaneamente e vai anexionando espazos no chan e nos lenzos de parede do espazo expositivo. O debuxo abandona o marco constritor, e invade o espazo perceptivo do espectador, o que lle da a oportunidade ó artista de auto-ironizar co formato expositivo tradicional, tamén utilizado na mostra, consistente en obra bidimensional correctamente enmarcada e pendurada dos muros.
A obra sobre papel de Aldo Alcota, xa contén o xerme do cuestionamento das técnicas e soportes convencionais da arte: o artista, a partir dunha obra limpa, e ben composta, crea trampa -antollos visuais que non permiten distinguir o trazo, automaticamente identificado co debuxo, da zona da colaxe, a máis intervir o soporte base para o desenvolvemento da acción plástica, o papel, mediante o aditamento de obxectos planos que poden funcionar como liña, e mesmo cosendo en ocasións a súa superficie. A liña, a silueta, a esencialización da forma, en definitiva, o debuxo, constitúe o principal mecanismo de expresión da obra deste artista novo.
A obra que poderemos ver na Fundación Granell, provén dunha estética arrincada directamente do subconsciente, -cun proceso de creación baseado no automatismo psíquico-, fresca, divertida e urbana, debedora das formas do cómic e da ilustración contemporáneas. As obras de Alcota están poboadas por seres de ficción que xeran espazos indeterminados, posúen unha identidade en constante mutación, son grotescos, híbridos, e foron creados pola combinación de fragmentos doutros seres de ficción extraídos de cartoons, e ilustracións varias. Alcota non só crea unha nova etnia imaxinaria, senón que a dota dunha linguaxe xerada a partir dunha colaxe de signos reais, creando con todo isto unha sorte de viñetas nas que as esperpénticas personaxes transitan sen se comunicaren, sen crear un relato, son pura presenza, testemuña poética, trasunto, tal como o percibe o artista, do noso globalizado mundo actual.