22 maio – 7 Xullo, 08
Nova mostra que forma parte do ciclo de exposicións dedicadas ao surrealismo a nivel internacional.
Este ciclo de exposicións comezou co gallo do décimo aniversario da Fundación Granell no ano 2005, e esta mostra e a súa oitava entrega.
O artista arzuán fincado en Madrid, presenta varias series de colaxes, realizadas entre os anos 1996 e o ano 2000, en total 41 obras, estruturadas en dous bloques. No primeiro bloque de colaxes, de maior tamaño, atopamos títulos tan suxestivos como El adiestrador de pájaros, Los mitos y la ciencia, ou Mosaico para un milenio.
A esta serie engádese outra formada por composicións que teñen tamén como metodoloxía plástica á colaxe como protagonista, mais coa peculiaridade de utilizar como base da composición billetes de diferentes países. Dos billetes antigos utilizados como base, obxectos atopados que xa non son pasto da cobiza, o artista rescata as súas calidades plásticas, e despois mediante a técnica da colaxe se lles confire a calidade poética. A mans do artista, estes obxectos adquiren un novo valor moi aloxado da función para a que foron creados, o que supón converter nun obxecto poético surrealista, o que podería entenderse como a antítese da poesía, o obxecto máis aloxado do reino do espírito: a moeda de cambio da economía capitalista, o papel moeda. Todas as obras da mostra, de factura clásica, situadas na mellor tradición da poética da colaxe de Max Ernest; de composición diáfana e exquisita factura, e abundancia de matices, posúen unha grande carga de ironía, que xunto ó seu poder de evocación, conforman imaxes atemporais que reflexionan sobre grandes temas universais: a violencia, a eterna dialéctica entre mito e ciencia, ou temas clave da poética surrealista como o amor e o desexo.