Home » Actividades » Maratón de lectura infantil e xuvenil

Maratón de lectura infantil e xuvenil

Mércores 30 de abril
Horario: 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas

A Fundación Eugenio Granell presenta o vindeiro mércores 30 de abril, o Maratón de Lectura Infantil e Xuvenil: Verbas con ás, organizado conxuntamente por Gálix (Asociación Galega de Libro Infantil e Xuvenil) e a Fundación Eugenio Granell, en colaboración co Museo do Pobo Galego. O Maratón abrirase ás 11.00 horas coa lectura de Guadalupe Rodríguez Silva, Delegada de Educación e Normalización Lingüística do Concello de Santiago e Miguel Vázquez Freire da Asociación Gálix, e continuará ó longo do día en horario de 11:00 a 14:00 h. e de 16:00 a 20:00 h. O tema deste ano (Verbas con ás) está relacionado co mundo das aves e invita a deixar voa-la imaxinación dos máis novos. A tradicional vinculación do mundo das aves coa idea de liberdade ou coa evasión, fixeron que os paxaros cobraran un protagonismo especial na obra dos surrealistas. Os paxaros serán un tema recorrente na obra de Eugenio Granell, para representar a ascensión ritual ou o paso do material ó inmaterial. O artista tende a dotar ás figuras femininas de ás, ou incluso representalas propiamente como paxaros; é un símbolo constante en toda a súa traxectoria artística. Dentro das actividades do Maratón incluímos a mostra das obras do artista Philip West, nas que o relato surrealista, que ten como protagonista a figura do paxaro, alcanza unha especial relevancia na súa obra.

Cada grupo terá un tempo máximo dunha hora para realizar as súas lecturas. O profesorado organizará os grupos como crea pertinente. Poderanse realizar as lecturas, tanto individualmente como en grupo; tamén se poderán realizar representacións teatrais, ou outro tipo de propostas que poidan xurdir arredor deste tema.