Home » Exposicións » Maldita Europa. Xurxo Oro Claro

Maldita Europa. Xurxo Oro Claro

12 marzo – 14 maio, 08
Unha vez máis, a Fundación Eugenio Granell fai agromar a pegada do Surrelismo na arte galega actual, nesta ocasión na figura do artista ourensano Xurxo Oro Claro.

Dende o comezo da súa andaina, a Fundación Eugenio Granell brindou o seu espazo a prestixiosos artistas galegos, que nun momento concreto do seu traballo, ou na totalidade da súa obra, sentiron unha forte vinculación coa ética e a estética do surrealismo.
A proposta de Xurxo Oro na Fundación Eugenio Granell, creada ó abeiro da grande potencia do signo escultórico utilizado, brinda unha descarnada reflexión sobre a violencia creada na nosa contorna cotiá. O corpo humano e a súa fragmentación, é o vehículo plástico utilizado para crear esta mostra, cobrando na obra do artista entidade de idea estética en si mesma, e medio válido de transmisión de significado na actualidade.
As sociedades xeradas polas democracias europeas no tempo do tardo capitalismo, a Europa da abundancia, preséntansenos como un corpo doente, lacerado por feridas abertas aínda sen estiña, como a criminalización da inmigración, a violencia de xénero, ou a violencia exercida contra a infancia, resultando pois a mostra, dende a fondura que caracteriza toda a obra deste artista, unha oportunidade única para reflexionar, dende a arte, sobre o noso tempo presente.
Formada por varias instalacións, unha vídeo proxección, e tres series de fotografías, a mostra consta de tres partes perfectamente diferenciadas na montaxe da Fundación Eugenio Granell: unha instalación feita especificamente para o espazo do Pazo de Bendaña, e outras dúas instalacións que foron o xerme desta mostra, ambas baixo o título xenérico de Maldita Europa. O talante máis universalista das instalacións, contrasta coa especificidade das series fotográficas, que atinxen en concreto a lacras da sociedade contemporánea como a violencia de xénero, a violencia infantil ou a inmigración.