Saltar ao contido
Home » Exposicións » Memoria dun encontro vital

Memoria dun encontro vital

    Fondos da Fundación Eugenio Granell
    29 novembro 07 – 13 xaneiro 08

    Trátase dunha exposición onde a colaxe, como medio de expresión plástica, ten o papel protagonista; nela fúndense as colaxes de Amparo Segarra, -realizadas entre os anos sesenta e noventa do século pasado-, e unha pequena escolla de colaxes de Eugenio Granell -dos anos sesenta-, cunha selección da interesante serie de colaxes realizados por ámbolos dous artistas nos anos cincuenta. As pezas que irradian colorido, humor e alegre despreocupación, foron realizadas co gallo dun evento cultural celebrado na Universidade de Porto Rico, onde Eugenio Granell exercía de profesor. Nestas colaxes de autoría conxunta, Amparo Segarra semella ser a encargada da configuración espacial da imaxe e da composición das masas na superficie bi-dimensional, mentras que Eugenio Granell, participou nas pezas coa adición de fondos de cor pintados, e mesmo de pequenos elementos realizados, con trazo áxil, que enriquecen a composición como cortinados, varandas etc… Segundo a Directora da Fundación Granell, Natalia Fernández Segarra, estas pezas, son as primeiras da traxectoria plástica de Amparo Segarra, que se prolongará durante toda a súa vida. Natalia Fernández, sitúa nos anos sesenta, -cando a familia Granell se traslada a Nova York-, o arranque da obra autenticamente persoal e autónoma de Amparo Segarra. As colaxes dos sesenta reflicten o seu grande sentido da cor e da composición, un sutil sentido do humor e a querencia á utilización da expresividade do corpo humano, que funciona como idea estética en si mesma.
    As obras de Eugenio Granell que fan parte da exposición son unha pequena escolla de colaxes do artista realizadas a comezos dos anos sesenta, un pequeno grupo de óleos dedicados a Amparo, o autorretrato que o artista se fixo nos anos corenta, e unha esculturiña dos anos noventa que forma parte do grupo de esculturas do artista designadas xenericamente baixo o termo de construcións. A comisaria da mostra, decide incorporar as pezas dedicadas a Amparo para constatar a presenza real e simbólica que a súa muller tivo na súa vida e na súa arte, xa que, como surrealista que era, o amor é, xunto coa liberdade e a poesía, unha das forzas motoras do seu mundo. Amparo amosase na obra de Granell como persoa e como muller. Segundo a profesora Lucía García de Carpi, gran coñecedora da obra do artista, Granell a comezos da súa traxectoria, fai súa a concepción idealizada da muller, de orixe romántica, que impera entre os surrealistas. Mais tarde, a súa idea de muller, madura cara a percepción dunha muller libre e autónoma que non participa dos estereotipos da mitoloxía surrealista, en virtude dos cales, a muller é un ente absolutamente marabilloso, pero irreal. Neste sentido, a única peza escultórica que fai parte da mostra La joven que abre las puertas de la noche, xoga un papel fundamental na estrutura da mesma . A obra realizada arredor do ano 1993 reflicte, segundo a comisaria, a nova idea de muller en Granell, e representa unha homenaxe tardía e apócrifa ó encontro vital con Amparo Segarra. O título da peza, que como é habitual en Granell, lle confire o seu status ontolóxico, alude a unha muller nova que abre as portas da noite, clara alusión á mística dos encontros entre seres da poética bretoniana, onde no momento da creación e encontro, aparecen uns seres teóricos que son designados coma os portadores de chaves.