Home » Exposicións » Danza da terra

Danza da terra

Colección étnica
Fondos da Fundación Eugenio Granell

Arte Africana: A arte africana está directamente vinculada á relixión, que é de tipo animista: os crentes concéntranse no mundo que lles rodea sentíndose parte da natureza. Coa maxia, concítanse as forzas naturais para afastar ou atraer o que se desexe. O intermediario entre os seres humanos e a natureza é o feiticeiro que dirixe os ritos e danzas. A vida en África desenvólvese en comunidade. O individuo non ten a importancia que se lle outorga noutras culturas. Do mesmo xeito, o artista expresa as ideas e os sentimentos da comunidade. O valor do artista reside na obra que crea, e en todo o coñecemento que esta é quen de transmitir. Debuxar, esculpir máscaras…. considéranse actos necesarios para que a esencia da súa cultura se manteña viva.
As Tipoloxías plásticas que destacan dentro do universo formal da arte africana son a estatuaria e as máscara cerimoniais. As estatuas adoitan representar diferentes personaxes: antepasados, deuses e heroes, animais e fetiches. Estes últimos,adoita executalos o feiticeiro ó estaren máis relacionados coa maxia que coa relixión.
En canto ás máscaras, en todas as culturas africanas teñen unhas funcións moi definidas. Acostuman a empregarse para ritos agrarios, funerarios e de iniciación nos que se danza. Durante a danza a máscara protexe a quen a leva e transmútao noutro ser.

Kachinas As bonecas kachina son un arte nativo dos Indios Pueblo – do suroeste dos EEUU- consistente en pequenas esculturas de madeira que representan os espíritos kachina, estucadas e pintadas con deseños xeométricos, e decoradas con elementos de tea e plumas. O pobo Hopi (Arizona) é o que ten as cerimonias Kachina máis elaboradas e tamén o que fai as mellores bonecas kachina. As kachinas son seres sobrenaturais que visitan ó pobo Hopi ,que viven no suroeste dos Estados Unidos, durante a primeira metade do ano; baixan para bailar e cantar, traer regalos para os nenos e, principalmente, para traer a choiva. Os homes son os que se visten cos traxes tradicionais para as danzas e as cerimonias. Levan unha máscara, un traxe e pintan o corpo con deseños tradicionais. Os Hopi cren que ó vestírense deste xeito convértense na kachina que representan.