
31 de outubro, 07- 14 de febreiro, 08
A intervención xoga coas posibilidades do debuxo como estratexia de reinterpretación espacial, creando unha imaxe que expande o espazo útil asignado a estas intervencións, utilizando un debuxo- trampantoxo que intervén, non só o vestíbulo do pazo de Bendaña, senón todo o edificio a través do oco da escaleira
Ilusionismo, é definido nos dicionarios de termos artísticos, como aquel uso de técnicas pictóricas que se propoñen inducir ó ollo a aceptar como real lo que só está pintado. A perspectiva, o escorzo e o claroscuro, son os seus recursos principais. A pintura ilusionista practicouse durante a decadencia da arte clásica, por exemplo en Pompeia, e despois sobre todo en épocas de barroquismo. A cámara dos esposos de Mantegna, en Mantua, terminada en 1474, é unha das primeiras mostras de pintura ilusionista do Renacemento. A pintura que simula arquitecturas designábase co nome quadratura e era labor de especialistas de tal xénero. A concentración da habilidade técnica na realización de pequenos obxectos, como vidros rotos, gotas de orballo, moscas ou outros insectos, e pregos de papel …, co fin de crear tal ilusión, designase coa expresión francesa trompe-l´oeil, que en galego traduciríase coma trampantoxo [1].
Como toda a obra de Santi Jiménez, esta é unha porta aberta á supostamente libre interpretación da imaxe, que para a súa construción, parte dun signo aberto e ambivalente que cuestiona a nosa cultura visual, e a nosa percepción consumista da obra de arte: introduce sempre- é habitualmente mediante unha fina ironía- mecanismos de estrañamento na linguaxe plástica, para obrigarnos a unha percepción lenta e reflexiva do que se amosa,… en definitiva, dunha percepción crítica.
Jiménez crea, no pequeno espazo asignado á presentación de proxectos de intervención específica na Fundación Granell, un trampantoxo visual moi acorde coa estrutura barroca do Pazo de Bendaña. E recolle a mellor tradición da decoración ó fresco da vivenda pompeiana un dos expoñentes máis antigos do ilusionismo visual feito só mediante imaxes pintadas nas paredes. Jiménez pola súa banda intervén dous lenzos de parede con dúas imaxes, unha de grupo, e outra na que hai só unha figura: ambas escenas que semellan comunicarse entre si.
A traxectoria deste artista novo, sempre se caracterizou pola utilización da colaxe dixital, como estratexia de construción dunha imaxe plástica que sempre tende pontes ó diálogo co espectador; imaxes construídas mediante un lento proceso de pescuda e análise de fragmentos de imaxes preexistentes de tódolos ámbitos: cinema, banda deseñada, publicidade, arquivo doméstico, internet…, produto da actual cultura visual. O proceso de construción da imaxe é fundamental na obra de Jiménez, que afirma que o autentico traballo é o proceso.
Jiménez, co seu fino escalpelo subtrae do seu ámbito natural, fragmentos de imaxes de rabiosa actualidade, que montadas nas súas colaxes, fan que non nos remitamos á fonte orixinal. O artista acciona un xogo reiterativo e perverso que evidencia a nosa incapacidade par analizar as imaxes que nos rodean, a nosa nula aptitude para a análise do fragmento, do agochado, da tremoia. E insiste en que o seu interese esta posto nos mecanismos da superestrutura que xera a imaxe, na nosa evocación á interpretación unívoca, dirixida, servil da mesma- non é a imaxe en si o que lle interesa é o que hai detrás dela, e o que nos presenta de xeito ácido é a deconstrución da escenografía, o método: o que pasa por representación, realidade é verdade, en definitiva, todo o que teña textura da realidade.
Monse Cea, 2007
[1]Diccionario de terminos de arte. Luis Monreal y Tejada R.G.Haggar.ed Juventud