Home » Exposicións » Eugenio Granell militante do POUM

Eugenio Granell militante do POUM

10 de outubro 2007- 27 de xaneiro de 2008
Con esta exposición a Fundación Eugenio Granell quere sumarse ós actos que realizará a Fundación Andreu Nin polo 70 aniversario do asasinato do político e para a recuperación da memoria histórica do POUM.

A mostra estará formada por una pequena selección de obra plástica na que estará presente obra de Eugenio e Mario Granell, Arturo Souto ou Andrés Colombo, entre outras, a máis de documentación gráfica, bibliográfica e audiovisual sobre a forza política que presidiu a vida de Eugenio Granell. Contará tamén cun apartado dedicado ó POUM en Galicia.
A exposición completarase cun programa de actividades formado por un ciclo de charlas, impartidas por estudosos da traxectoria desta formación política- Pelai Pagés, Eugenio Castro, Dionisio Pereira, Dolors Genovés e Andi Durgam- senlleira na historia do trotskismo en España, e a proxección de filmes como Operación Nicolai ou Tierra y Libertad.
O catálogo da mostra recollerá textos do investigador catalán Pelai Pagés da Universidade de Cataluña, vinculado á Fundación Andreu Nin, e especialista no POUM, de Wilebaldo Solano antigo dirixente do POUM e Presidente na actualidade da Fundaicón Andreu Nin, do crítico de arte e creador surrealista Eugenio Castro – que falará das relacións entre trotskismo e surrealismo, e tamén figurará o texto da prestixiosa periodista e investigadora Dolors Genovés, sobre o proceso de investigación para a realización do documental Operación Nicolai, sobre a represión stalinista exercida contra a figura de Andreu Nin. Na sección dedicada a Galiza, contaremos coa colaboración do investigador Dionisio Pereira.

A mostra está estruturada nunha serie de bloques expositivos, nos que se va debullando a historia da formación política desaparecida nos anos oitenta, a través de fontes documentais de diversa procedencia: á Biblioteca del Pavelló de la República da Universidade de Barcelona, a Fundación Andreu Nin, o IGI, o Arquivo histórico Universitario da USC, o fondo documental do Proxecto interuniversitario As vítimas, os Nomes e Voces e os lugares, o legado documental de Amparo Segarra e Eugenio Granell, e de Jeanne e Joaquín Maurín depositado no Bryn Mawr Collage, en Pensilvania …, e múltiples aportacións de documentación pública – como a do arquivo militar da Coruña, o arquivo provincial de Lugo, o arquivo catalán Arxiu Comarcal del Baix Penedés -no pobo El Vendrell de onde era orixinario Andreu Nin…- e privada, -como o fondo documental de Wilebaldo Solano e Pelai Pegés , o de Fernández Mazas administrado polo artista José Manuel Bouzas, os arquivos persoais dos investigadores galegos Dionisio Pereira, Enrique Acuña e Gustavo Docampo, o fondo documental de José María Lafuente – fillo do militante poumista Agustín Lafuente, ou o legado de Luis Pasín e Jacobo Bermejo – ambos depositados na Fundación 10 de Marzo, institución que tamén colaborou no proxecto.

Estrutura da montaxe
Os apartados fundamentais nos que está dividida a mostra son:
1- Documentación referente ás formacións políticas que logo constituirían o Partido Obreiro de Unificación Marxista:o Bloque Obreiro,a Esquerda Comunista.
2- Escolla bibliográfica de publicacións sobre o POUM e o troskismo, en xeral pertencentes ó período anterior á Guerra Civil e ó período da guerra.
3- Escolla de documentos referente ós /ás militantes das Brigadas Internacionais e mesmo libros publicados por estes.
4- Apartado dedicado á imprescindible figura de Andreu Nin.
5- Apartado dedicado ó dirixente do POUM Juaquín Maurín
6- Un pequeno apartado dedicado á militancia de Eugenio Granell
7- Unha pequena sección dedicada ó POUM en Galiza
8- E un apartado sobre a actividade da Fundación Andreu Nin e Wilebaldo Solano.
A mostra completarase coa escolla de obra plástica anteriormente mencionada – Eugenio Granell, Arturo Souto, Andrés Colombo, Vlady Serge…, así como por imaxes fotográficas da militancia, carteis, e material audio-visual.

Ciclo de charlas
O ciclo de conferencias plantexado para completar esta mostra comezará o vindeiro 16 de outubro coa charla – a realizar na sede da Fundación Granell- de Dionisio Pereira: Os heterodoxos do comunismo galego – 1931-1936; o día 22 do mesmo mes proxectárase ás 19.30 horas no Teatro Principal de Santiago, o filme de Ken Loach Tierra y Libertad, precedida a proxección, da charla do asesor histórico da mesma, o investigador Andi Durgam. O 30 de outubro, ás 20.00 horas na Fundación Eugenio Granell, a conferencia: Eugenio F. Granell: conciencia política de la libertad de creación, será impartida por Eugenio Castro. No mes de novembro teremos a conferencia sobre o POUM na historia, titulada: El POUM: Un partido para la revolución, impartida por Pelai Pagés Blanc o día 14; e por último, o 14 de xaneiro asistiremos á proxección – tamén no Teatro Principal- do documental Operación Nicolai, proxección prologada pola Directora do mesmo Dolors Genovés.

Eugenio Granell e o POUM
A relación de Eugenio Granell con POUM e a Fundación Andreu Nin e máis que notoria, xa que foi un dous seus fundadores, como afirma en recoñecemento do artista a propia institución.
Granell militou activamente no POUM dende a xuventude, colaborando activamente como director do diario El Combatiente Rojo, ata a extinción do partido no anos oitenta, aínda que a militancia anti-stalinista acompañaralle ata o final dos seus días.
O POUM, Partido Obrero de Unificación Marxista, crease en Barcelona o 29 de setembro de 1935, en plena Segunda República, por motivo da unificación da Izquierda Comunista de España (ICE) de orixe trotskista, co partido comunista Bloque Obrero y Campesino (BOC).
Andreu Nin, fundador da ICE, e Joaquín Maurín, fundador do BOC, serán os principais líderes do POUM.
O partido caracterizarase por unha liña marxista revolucionaria, pero, aínda así haberá unha pluralidade interna nas tendencias. Foi un dos partidos fírmante do pacto electoral do Frente Popular a comezos do 36, e rematada a Guerra Civil, tanto os seus dirixentes como os militantes, tiveron que exiliarse como o resto dos membros de partidos republicanos.
En 1947 Wilebaldo Solano converteuse nonovo Secretario Xeral do POUM, establecendo a súa sede en París e retomando a edición de La Batalla, o seu xornal. O partido evolucionará cara unha tendencia socialdemócrata que cos anos dará nun dos grupos políticos fundadores do Partido Socialista de Cataluña.
Despois de sufrir varias escisións, na década dos 70, e despois da morte de Franco, revalorizase o papel histórico do POUM de man de xoves militantes anti-franquistas. A falta de representaciónelectoral nas primeiras eleccións libres da democracia levarán a súa disolución no ano 1980.
E importante destacar a intención da socialdemocracia española e catalá de reivindicar como súa a memoria do POUM. E grazas a Fundación Andreu Nin, creada no 1987 para difundir memoria da esquerda anti-stalinista e combater as consecuencias dos totalitarismos, que a mensaxe marxista revolucionaria do partido se manteña, posto que a día de hoxe declarase continuadora do POUM.