Home » Exposicións » Sonámbula. Inconscientes para unha xeografía onírica

Sonámbula. Inconscientes para unha xeografía onírica

18 de xullo – 26 setembro, 2007
Exposición colectiva de artistas surrealistas do cono Sur de América –de diferentes xeracións- que operan a través da plataforma de internet Sonámbula. A mostra está comisariada polo músico e artista plástico Enrique Lechuga, fundador da plataforma surrealista Sonámbula, creada no ano 2005

Irradiada pola actualidade e o brío do Surrealismo, Sonámbula nace a mediados do 2005 como un espazo de difusión, documentación e intercambio para a creación de aqueles latinoamericanos que, de preto ou de lonxe, manteñen unha actividade surrealista. Considerando as publicacións, as revistas, os conceptos, as traxectorias, as formacións, as rupturas, as converxencias, as diverxencias, as manifestacións e os desprazamentos dos distintos grupos e individuos, Sonámbula integra a obra e o pensamento dos seus colaboradores.
Utilizando inicialmente Internet como plataforma de divulgación independente, Sonámbula desexou contribuír á reflexión e á toma de consciencia sobre a polimorfa actividade surrealista vinculada a Latino América. Unha extensa actividade a través de varias xeracións. Na súa breve traxectoria, este portal de Internet converteuse nun referente ineludible do dinamismo actual da estética surrealista en Hispano América, aproveitando as vantaxes dos novos soportes de comunicación, para o intercambio de ideas e a exposición virtual da obra que posibilita a rede. O número de artistas que operan en Sonámbula foi crecendo co tempo, tendo na actualidade representantes de case todo o continente.
A estrutura da montaxe:
Dentro da estrutura da montaxe cobra especial relevancia a inclusión da páxina web de Sonámbula, á que o público poderá conectarse en tempo real na propia sala de exposicións.
Debido á colaboración de artistas de diferentes xeracións nesta plataforma, ímonos a atopar unha mostras dispar en canto a técnicas, soportes, materiais….en definitiva, con diferentes interpretacións do surrealismo. Nunha sala poderemos visualizar o documento -en soporte vídeo- da performance realizada na República Dominicana no ano 2003 polo artista Pastor de Moya– do que se poden ver na mostra pezas noutros formatos como o libro de artista .
Noutra das salas o comisario fixo unha selección de obra na que podemos ver os colaxes de Konrad Zeller, Ludwig Zeller ou Alex Januario; a máis de poder disfrutar das pezas realizadas en soporte lenzo – en diferentes técnicas pictóricas – de artistas como Susana Wald, Rik Lina, Jorge Leal- Labrín e Anasor ed Searom.
Contaremos, tamén co proxecto sonoro EM , realizado en Chile no ano 2001 por Iñaki Muñoz, no que aplica á música experimental á estética surrealista.
A montaxe da exposición é completado – como o resto das mostras do ciclo de surrealismo internacional realizado na Fundación Granell no ano 2005 –con un anexo documental formado por materiais de diversa índole : documentación referente a outros colaboradores de Sonámbula que non participan con obra na exposición, tanto material referente á actividade expositiva dos artistas plásticos que colaboran co portal, como publicacións literarios de creadores surrealistas que utilizan este ámbito.