Saltar ao contido
Home » Exposicións » Gastrosofía do amor. Philip West

Gastrosofía do amor. Philip West

    Colección Philip West
    Fondos da Fundación

     Eugenio Granell definía o Surrelismo como unha forma de vida na que se procura a exaltación do ser humano a través do amor, da poesía e da liberdade, seguindo as claves do movemento  fixadas por André Bretón. O seu grande amigo Philip West, incide na súa obra no tema do amor -nas súas múltiples acepcións-  convertíndoo nun xesto poético de libertade e creando un exercizo de profunda reflexión filosófica; en palabras de Raúl Henao -no seu texto dedicado ó creador Philip West  La gastrosofía del amor1 –  Philip West será el pintor del amor, jamás el de la reconciliación idílica o bucólica  de los figurines de actualidad, recordándonos mejor que otros pintores que le amor es un asunto de gastronomía, de gastrosofía , donde cada uno de nosotros  sirve en bandeja de plata al deleitable paladar del otro…
    Todas as obras expostas pertencen ós fondos desta institución. Neste caso a  exposición amósamos parte do legado deixado á Fundación Eugenio Granell por  Philip West en 1997.
       
     PHILIP WEST
    Nacido en York (Inglaterra) en 1949, foi un auténtico produto do surrealismo británico, aínda que non naceu ata despois da dispersión do grupo surrealista orixinal creado polos artistas E.L.T. Mesens e Roland Penrose.
    Desde moi novo escolleu e decidiu ir contra corrente. Non lle interesou seguir os preceptos do expresionismo abstracto americano, nin do pop art, nin do incipiente arte conceptual, que prevalecía naqueles anos. Decatouse que o seu era outro tipo de expresión. Así West decide comezar a súa andaina artística a través de posicións próximas ó Surrealismo, que servía daquela como un dos modos de expresión nos ámbitos minoritarios do Underground inglés. E subliñaba tamén o propio artista, como unha das causas do seu posible achegamento ó Surrealismo, a máis da súa ética libertaria, a magnífica colección de arte de surrealista que posúe o museo de Brigton, cidade onde realiza os seus estudos de Belas Artes e Historia da Arte, véndose moi influído na súa etapa formativa por artistas como Magritte, De Chirico e Max Ernst.
    Comeza a súa produción  principiando os anos setenta. No seus inicios forma parte do pequeno grupo creado polo escritor John Lyle arredor da revista Transformaction. Máis tarde colaborou coa revista danesa de orientación surrealista Brumes Blondes, a través da cal comeza a súa actividade co histórico grupo surrealista Phases; principalmente en Francia, Holanda, Portugal e Bélxica. Pouco despois deixou o seu país natal para instalarse en España, máis concretamente en Aragón. Despois dunha breve estancia no noso país trasládase  a Venezuela, recalando finalmente de novo en Aragón, onde traballou con diferentes grupos surrealistas, destacando a súa participación en unión con Eugenio Granell. 
    En 1997 Philip West cede para o seu deposito na Fundación Granell, unha extensa colección da súa obra, a máis da súa  biblioteca persoal,  formada por multitude de publicacións (catálogos, libros, revistas  e folletos)  sobre  surrealismo.

    Algunhas claves arredor da súa obra:
    Hai elementos que predominan en toda a obra do artista desde os seus inicios: a cor brillante, un tipo de  debuxo que nos remite á ilustración, e un grande interese polo naturalismo, unha minuciosidade descritiva e expositiva de aparencia científica2, onde todo se ordena para “facilitar” a súa comprensión  das obras.
    Defende o automatismo como concepto de creación e metodoloxía de traballo : “Cando traballo non penso, a arte creativa é a experiencia. Logo vén a análise, pero esta prodúcese sempre a posteriori”.
    Cada obxecto representado fai referencia a varias asociacións de ideas, que se formulan de xeito metamórfico. En moitos casos, esta metamorfose é o resultado da unión de representacións do mundo orgánico natural con outros obxectos artificiais de uso cotián, produto da fabricación industrial. A tendencia a metamorfose na súa linguaxe plástica, ten unha translación directa á súa percepción da vida e da arte, en palabras do propio artista: “Eu acepto o surrealismo, pero non como estilo pictórico, senón como forma de achegarse a vida. O surrealismo non é a produción de textos e imaxes oníricas, nin unha filosofía pechada. Hai metamorfose e, como surrealista, non son o mesmo que hai dez anos. Para min, agora, o surrealismo é vivi-la vida como se fose un poema. Como non sei a ónde vou, trato de gozar da viaxe…”.

    1 Raúl Henao. Philip West o la gastrosofía del amor. Caracas, Venezuela, 28 de junio de 1981. Catálogo: Philip West. El legado de un artista. Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela, 1998.
    2 Antonio Garrido: Un homenaje a la libertad, el amor y la poesía. Catálogo: Philip West. El legado de un artista. Fundación Eugenio Granell, Santiago de Compostela, 1998.