Home » Actividades » Ciclo Xoves Artistas: Aviary-Gaiola de paxaros

Ciclo Xoves Artistas: Aviary-Gaiola de paxaros

Wedgwood Steventon
11 julio – 27 agosto
Nova exposición dentro do Ciclo: Xoves poéticas surrealistas

A Fundación Eugenio Granell ofrece unha nova entrega do ciclo Xóves Poéticas Surrealistas, ciclo con programación propia, que acolle exposicións individuais de aqueles novos valores da arte galega, nacional e internacional que reinterpreten coa súa obra o legado da arte surrealista.
O artista británico presenta a mostra Aviary, formada por 24 colaxes realizados entre os anos 2002 e 2005. A mostra reflexiona sobre un dos grandes alicerces do pensamento surrealista: a idea de liberdade. Estamos diante dunha obra poboada de paxaros de diferentes especies reais, acompañados por outros conformados pola libre asociación destes con outros seres que teñen coartada a súa liberdade como a muller- no surrealismo adoitase asociar a imaxe da muller coa do paxaro. Lonxe do que poida parecer, a idea de utilizar o paxaro engaiolado como signo inequívoco da privación de liberdade, non é utilizada aquí de forma obvia: os paxaros están pechados nunha gaiola de memoria, de recordo, na vella casa da Garda Costeira británica no lugar de Prusia Cove Cornwal, na que o artista se hospedou durante unha semana no ano 2002.
No texto que acompaña á mostra, o artista recolle as sensacións vividas neste lugar, vivencias que son claves á hora de desencadear o proceso creativo da obra presenta na Fundación Granell:
A casa na que me hospedei era unha vella casa da Garda Costeira. No seu día foi grandiosa, pero agora está algo deteriorada. Gris e decrépita, está amoblada con obxectos que viviron mellores épocas, decorada con pinturas de artistas descoñecidos, e estantes poboados por libros tamén de autores descoñecidos. Un lugar cheo de recunchos segredos, e impregnado dun aire cargado de memoria. Non era un lugar para un espírito libre.
De noite o ceo estaba case completamente preto. Cunhas poucas estrelas e un disco lunar amarelento. Na escuridade os paxaros nocturnos escoitábanse por riba do son do mar. Todo destilaba un ambiente de misterio que invitaba á exploración
Un día de chuvia e tormenta comecei a fotografar o interior da casa. A idea era gardar as imaxes para un traballo no futuro. O que se me ocorrera. Nese momento nada en particular
Ó marcharme de Prusia Cove para volver á miña casa, un paxaro pasou por riba da vella e decrépita construción facendo ouvir o seu queixume, e desapareceu por riba do mar. Neste preciso momento, o artista decide casar as fotos da casa cun libro de colaxes que atopara en París o pasado ano, e completar o traballo con fotos de interiores dos fogares dos seus camaradas surrealistas- Wedgwood Steventon pertence ó grupo surrealista da cidade de Leeds, grupo co que expuxo na exposición colectiva Revelación Profana no ano 2005, na Fundación Granell.. No texto, queda patente a vinculación do artista co surrealismo, tanto no uso de procedementos plásticos de composición da obra como o colaxe, como na utilización de mecanismos como o object- trouveé a máis de partir na súa poética de conceptos como a busca do marabilloso no cotía – da poesía e o misterio agochado no mundo que nos rodea – , e da valoración do azar como parte integrante do proceso creativo.