
Pablo Orza
C.N.T.P.S : Cnmo converter unha esqueira nunha máquina de transporte interestelar
19 xuño – 6 outubro, 07
Coa peza T.P.S: Como converter unha esqueira nunha máquina de transporte interestelar, Pablo Orza da continuidade ó espazo de intervención específica inaugurado o ano 2006 na Fundación Granell : o espazo INSITU.
INSITU é un espazo con programación propia que acolle proxectos de intervención específica realizados para o espazo do recibidor do Pazo de Bendaña, sede da Fundación Granell, da man de novos valores da plástica.
A peza realizada ad-hoc por Pablo Orza tópase na liña desenvolvida en pezas como T.P.S Domotica Trascendental realizada na exposición Urbanitas, no Marco, o ano 2006 .Trátase de instalacións feitas con materiais de refugallo- desfeitos da nosa sociedade de consumo- que crean habitáculos permeables para o público, neles invítasenos a vivir unha experiencia transcendente fóra da vivencia do sublime da arte tradicional. A idea de habitar está suxerida por acotacións espaciais sinxelas, construídas mediante a utilización de retrincos de madeira que conforman muros, portas, e as canles de circulación da enerxía, que necesita para a súa existencia un habitáculo moderno. A máis doutros elementos como placas de ordenador, restos de electrodomésticos, algún moble atopado e elementos naturais tales como pedras de cuarzo, nunha sorte de esencialización da idea de habitabilidade tal como a entendemos na actualidade, un entramado complexo e aparatoso que se amosa aquí de xeito descarnado, a modo de reconstrución arqueolóxica dunha civilización pasada. Este site specific, aproveita a propia iconografía dos materiais arquitectónicos presentes no espazo a intervir, para crear unha construción que se estende en altura por todo o edificio a través da escaleira. A peza constrúese por adición de elementos, adaptándose de xeito orgánico ó espazo arredor dun motivo troncal: unha vella cadeira sobre a que se sitúan, suspendidas, varias pedras de cuarzo, condutor e xerador natural de enerxía. As instalacións de Orza non funcionan a modo de escenografía nas que se desenvolva unha acción controlada e teatral: incidindo na constante fundamental da súa traxectoria plástica, consistente na crítica das calidades do obxecto artístico convencional único, cun valor suntuario, posuidor de beleza formal..- as pezas queren accionarse máis aló da súa funcionalidade simbólica dentro do ámbito de control que representa a arte, denotando a morriña cara a aquelas sociedades nos que o mundo simbólico do ser humano está integrado -de seu- no concepto de realidade. Ademais, o autor non participa tampouco da idea convencional de beleza formal, utilizando unha estética dos materias austera, e ataca o concepto tradicional de autoría ó utilizar un alter-ego para firmar a súa peza, atribuíndo a autoría da mesma ó colectivo de artistas multidisciplinares nos que está integrado, chamado Centro de Novas tecnoloxías do Pico Sacro. O artista toma distancia analítica para achegarse ó tempo presente para ironizar sobre o aparato tecnolóxico sen o que nos sentimos perdidos, pero que tantos problemas crea: reivindica unha vida e un imaxinario colectivo máis puro e sinxelo xerado a través de nós mesmos, da nosa inmensa potencialidade, non do noso reflexo tecnolóxico.