Home » Exposicións » Jourmutt. Jesús Otero-Yglesias

Jourmutt. Jesús Otero-Yglesias

25 abril – 12 xullo, 2007
Exposición individual do recoñecido artista lugués Jesús Otero-Yglesias.

Exposición individual do recoñecido artista lugués Jesús Otero-Yglesias.
Estamos ante unha mostra que re-interpreta desde unha óptica contemporánea a poética do obxecto surrealista: o rescate do obxecto común, carente de valor como instrumento útil ou como adorno, ó que se lle asigna un novo valor mediante o procedemento plástico do object trouvée/ obxecto atopado, redescuberto polo artista.
A novidade desta mostra é a análise que o artista fai do proceso xerador do obxecto surrealista o object trouvée . A máis de atopar un novo valor estético non só para obxectos comúns como botellas de gaseosa, balóns vellos, envases de cartón…..que reúne e asocia con outros obxectos industriais para crear pezas con contido poético -mediante unha mínima manufactura no taller-, aplica este procedemento a pezas que xa fan parte da colección do museo- xa son obxectos artísticos- como determinadas pezas da colección de arte étnica de Eugenio Granell.
Con este proceder Xesús Otero rescata as prácticas de revalorización de obxectos doutras culturas, que se levaron a cabo nas primeiras exposicións surrealistas de obxectos nos anos 30- a primeira vez que os obxectos surrealistas foron mostrados publicamente foi na Exposición surrealiste d´objet na Galería Charles Raton maio 1936- nas que convivían obxectos atopados, con obxectos pertencentes a outras culturas diferentes á occidental- como máscaras africanas, bonecas kachina dos indios Hopi etc- que ó ser descontextualizalas da súa función, víanse con novos ollos polo espectador /a .
A construción da mirada na civilización occidental é unha preocupación fundamental da obra de Jesús Otero, que analiza dende hai anos a xénese dos obxectos artísticos, e as dinámicas asociadas á súa conservación, ubicación e transmisión dos seus contidos conceptuais, en exposicións como: Los campos inciertos na Fundación Joan Miró no ano 2004, ou na exposición Museum, no museo provincial de Lugo.