Home » Exposicións » O debuxo por diante: A obra gráfica nas coleccións públicas da cidade de Compostela

O debuxo por diante: A obra gráfica nas coleccións públicas da cidade de Compostela

13 marzo – 19 abril
Primeira planta 

Con O debuxo por diante estamos diante dunha mostra coral, un proxecto en rede sen precedentes, froito dunha estreita colaboración institucional, na que co fío condutor creado polo debuxo, os comisarios Monse Cea, Eduardo Valiña, e Kiko Da Silva, propóñennos un percorrido polas principais coleccións públicas de arte da cidade de Santiago de Compostela -a colección do CGAC, a da Fundación Granell e a da USC-. Ademais a proposta complétase coa oportunidade de que o público se achegue a cinco proxectos específicos de arte contemporánea que teñen como punto de partida o debuxo e coa participación nesta mostra de todo un compendio de obra que a tradición deixou fora da institución arte e da súa historia, o que se nos fixo catalogar xenericamente como ilustración.
Sería impensable organizar unha mostra tan ampla e complexa de achegamento ao debuxo tanto na súa acepción como obra de arte autónoma, como nas proxectual e propositiva, ou nas súas múltiples aplicacións pragmáticas, se o debuxo non tentara conseguir, a comezos do século XX, unha categoría que o liberara da súa función representativa, do encadeamento coa narratividade da que tamén se liberou a pintura. Aínda que o debuxo na historia da arte recente tentou acadar o seu espazo propio, dentro dos criterios de valoración aurática, -ese foi o problema- seguiu sempre estigmatizado na súa acepción de ferramenta de traballo, e nas súas, no fondo nada valoradas, espontaneidade, expresividade ou na capacidade de constituír un trasunto directo do pensamento artístico.
Ademáis, desde a existencia de medios de edición da imaxe, o debuxo non concorda en absoluto coa máxima de peza única debido á súa groseira capacidade para ser reproducido. Na actualidade, coa afortunada tesitura de deconstrución deste marco teórico, xa é hora de dedicarlle unha exposición monográfica aos diferentes xeitos de entender o debuxo, tanto para poñer en valor o debuxo nas coleccións da cidade, expoñendo estes traballos coa entidade que merecen, como para ofrecerlle ao público diferentes vías de reflexión sobre como se xeran as taxonomías que rexen a percepción da arte segundo a época. Na arte contemporánea o debuxo expándense e ofrece moitas máis posibilidades que o debuxo como bosquexo, como proxecto, como obra íntima e agochada do autor. E as noutrora taras, a súa expresividade, a súa rapidez de execución, a súa validez como documento dun proceso creativo, a súa capacidade narrativa, o seu valor como pegada dunha acción humana, etc son agora calidades do debuxo contemporáneo.
Proxecto Ignacio Uriarte